Loading...

Noticias

O Merza Percusión 2022 xa ten datas!

A 17ª edición do curso celebrarase do 17 ao 21 de xullo en Merza.

Un ano máis a localidade de Merza volverá a percutir ao ritmo do curso Merza Percusión e do Festival Internacional de Percusión (FIP). 

A parroquia do concello de Vila de Cruces (Pontevedra) estará no punto de mira da percusión mundial grazas a unha cita que comezará o domingo día 17 de xullo ás 22h00 cun concerto de benvida. 

As aulas do Merza Percusión, curso destinado a alumnos e alumnas de percusión de todos os niveis e de a partir de nove anos, iniciaranse o luns 18 de xullo pola mañá e rematarán o xoves día 21 cun espectáculo final protagonizado polo alumnado.

Sobre o Merza Percusión
O curso Merza Percusión naceu en 2001. Trátase dunha proposta educativa en torno á percusión dirixida a nenas e nenos a partir de nove anos e que non busca formar grandes músicos senón formar grandes persoas a través da música. Ao longo destes anos o festival tense celebrado en distintas localidades como Santiago de Compostela, Lalín, Agolada ou a parroquia cruceña de Merza.

O curso está estreitamente ligado ao Festival Internacional de Percusión que se celebra paralelamente e que naceu para presentar como se merecían as propostas artísticas que chegaban da man dos docentes, alumnas e alumnos do curso; para abrir o curso á pobación que o acollía; e para fomentar a cultura musical da percusión e os valores do curso entre o público en xeral.

O Merza Percusióne o FIP ofrecen cada día unha variada programación de concertos abertos ao público onde hai cabida para todos os gustos coa finalidade de amosar propostas novas e intercambiar experiencias.