CURSO
O Merza Percusión é un curso, unha proposta educativa, de desfrute, coñecemento e perfeccionamento da percusión que en 2022 celebra a súa 17ª edición do 17 ao 21 de xullo.
En Merza, Pontevedra, creamos un contexto natural e relaxado para que xóvenes e artistas nacionais e internacionais aprendan, se divirtan e medren como persoas a través da percusión.
Poden participar no Merza Percusión alumnas e alumnos a partir de nove anos (ou que vaian cumplilos neste 2022) que estean cursando estudos de percusión, ben sexa en escolas de música ou conservatorios en grao elemental, profesional ou superior.
O curso terá unha duración de catro días e haberá posibilidade de solicitar aloxamento e manutención. O alumnado que escolla a opción de pernocta, durmirá en literas ou colchóns, en habitacións diferenciadas por idade. Os menores de idade estarán sempre acompañados dun monitor ou monitora.
En paralelo ao Merza Percusión está o FIP (Festival Internacional de Percusión), con concertos variados e gratuitos todas as noites para alumnos/as e público en xeral.
Durante todo o curso, contaremos con Henny de PPP (Putjens Percussion Products), que abrirá a súa tenda para que todo o alumnado poida mercar baquetas, instrumentos, partituras, libros… e todo o relacionado coa percusión.
A benvida aos alumnos e alumnas será o domingo 17 de xullo pola tarde. O primeiro día de clase será o luns 18 de xullo e o último o xoves 21 de xullo, xornada que despedirá o Merza Percusión co espectáculo final no que participarán todos os alumnos e alumnas.
Contamos con dúas modalidades: MERZA PERCUSIÓN e MERZA AVANZADO.
As prazas de ambas modalidades son limitadas.
O PRAZO DE INSCRICIÓN ESTARÁ ABERTO DENDE O DÍA 2 DE MAIO AO DÍA 10 DE XUÑO